Prepárate para mergullarte nun universo musical único con “súbete ao EVA”, o novo álbum de Filloas, baixo o selo @alendemusica.
Filloas conseguiu canalizar a súa paixón pola cultura pop e a música nun álbum que te fará bailar, rir e sentir nostalxia a partes iguais.
“Xa durante o ano pasado fun probando estes temas en directo cunha acollida brutal, e xa teño todo preparado para que formen parte da festa que son os meus concertos.”, comenta o artista
Este novo traballo sorprende cunha explosión de hiperpop e ritmos electrónicos, acompañados de letras cheas de referencias a animes icónicos, videoxogos clásicos e modernos e aos memes máis virais de Internet.
Filloas leva xa uns meses adiantándonos o seu novo son, o cal chega ao seu cumio con “súbete ao EVA”, unha obra que captura o espírito dunha xeración conectada e creativa.
Como adiantos, puidemos escoitar “22 minutos”, con videoclip de Xaime Miranda e “despawn”, un acelerado tema electrónico no que reflexiona acerca dos problemas da súa xeración.
Xa fóra do meramente musical, este álbum crea unha experiencia inmersiva onde a personalidade de Filloas arrasa e envolve o público nun universo propio, a través de ilustracións, videoxogos ou IA.
Dende as rúas tinguidas de neón, ata os planetas máis inhóspitos, pasando pola inmensidade do negro espazo, Filloas consegue, grazas ao seu característico vestiario, o atrezzo que o acompaña nos directos e a dirección artística dos seus videoclips, que el mesmo idea, traer á realidade o seu imaxinario.
Xa está dispoñible en todas as plataformas “súbete ao EVA”, o disco no que Filloas presenta unha declaración de intencións, destacando como un dos artistas emerxentes máis inquedos da escena galega.
O movemento Filloas é imparable e así o demostrou sendo o artista gañador do concurso Novos Valores 2024 do Festigal.
Coa festa por bandeira, en directo atoparás autenticidade, diversion e risas.
FILLOAS “súbete ao EVA” Mesturado por Luis Antelo, Estereoarte. Masterizado por Carlos Hernández. Ilustración de Uxía Nemiña.