Terceiro single da catapultada raze, “doze” profundiza no son nocturno do club, xa saboreado nos anteriores lanzamentos, pero esta vez chega dunha forma completa, mesturado cunha sutileza íntegra, ritmos que parten dende a electrónica máis clásica, electro class, ata á vertebralidade dos ritmos máis caribeños, presentes na identidade raíz da artista.
raze é unha artista multidisciplinar queer e viguesa, que consegue un equilibrio harmónico entre a espontaneidade e a esencia máis crúa, neste momento de transición musical.
A súa proposta destaca pola profundidade lírica e a riqueza sintética, e pola promesa dun arte de longo consumo: unha obra circular e compacta, representada por unha cebola de cristal. A primeira lectura permite ver o interior, pero só quen se atreve a desollar capa a capa poderá admirar a súa nitidez e complexidade.
A súa investigación artística parte da contraposición de conceptos: natureza e industrialización, electrónico e orgánico, feminidade e masculinidade, escuridade e luz.
O uso da linguaxe en raze ten un enfoque naturista e social, explorando novos termos, pronunciacións híbridas e unha ortografía simbólica.
A firma de raze está presente en todas as disciplinas que habita: música, movemento, imaxe. Cunha visión macro do seu universo creativo, constrúe un proxecto 360º cunha forte riqueza dramatúrxica.
raze chega cunha proposta sólida e cada vez máis persoal. Unha voz moi especial do novo son do norte.