Uxía Lambona vén de publicar o videoclip de “ODESSA”, unha das cancións incluídas no seu repertorio infantil máis recente, nun proxecto audiovisual moi especial realizado en colaboración co alumnado de numerosos colexios de todo Galicia.
O videoclip aposta por unha proposta inclusiva e participativa, incorporando pictogramas e linguaxe de signos para facer a peza máis accesible para todos os públicos. Os nenos e nenas convértense nos grandes protagonistas dunha gravación chea de cor, xogos e espontaneidade, reforzando o carácter educativo e lúdico que define o universo de Uxía Lambona.
“ODESSA” foi lanzada orixinalmente como single en 2024 e forma parte do imaxinario musical da banda galega, referente da música infantil en Galicia pola súa capacidade para achegar a tradición popular ás novas xeracións a través de ritmos actuais e propostas creativas.