O próximo 3 de decembro de 2026, Son Galaico chegará á Sala Capitol para presentar “Lendaira”, o seu primeiro álbum. Un concerto especial no que a banda compartirá por primeira vez en directo as cancións dun traballo chamado a consolidar a súa proposta musical. O anuncio chega despois dun ano clave para a formación. Son Galaico conseguiu esgotar dúas datas consecutivas na Casa das Crechas o pasado mes de maio, confirmando a excelente resposta do público compostelán e consolidando unha comunidade de seguidores que non para de medrar. As entradas están xa á venda en Ataquilla.com
A banda acaba de presentar tamén o videoclip de “Kallaikoi“, o primeiro adianto de “Lendaira”. A canción, producida por Iago Pico, marca o inicio dunha nova etapa creativa e ofrece as primeiras pistas do universo sonoro que artellará este traballo debut. A peza audiovisual conta ademais coa participación especial do actor e humorista Carlos Blanco. Son Galaico constrúe unha proposta singular dentro da nova música galega, combinando ritmos folk do ámbito celta con influencias do country, o pop rock e a electrónica. O resultado é un son contemporáneo que bebe das raíces celtas sen renunciar a unha vocación claramente actual.
A conexión coa terra, coa natureza e coa vida rural ocupa un lugar central tanto nas composicións como na identidade do grupo. As súas cancións transitan entre a épica, a emoción e a celebración, construíndo relatos que conectan coa memoria colectiva e coa experiencia de quen vive ou bota de menos Galicia. Precisamente desa morriña naceu o proxecto impulsado por Aarón Pardiñas, voz e guitarra da banda, e Hugo Sanjiao, gaita e frautas, que atoparon na música unha forma de manter vivo o vínculo coa súa terra tras emigrar por motivos laborais.
Con “Lendaira”, Son Galaico abre un novo capítulo e prepara unha presentación chamada a converterse nun dos fitos da súa curta pero ascendente carreira. O xoves 3 de decembro, a Sala Capitol será o escenario onde a banda amose por primeira vez en directo un traballo que chega avalado pola crecente expectación xerada arredor do grupo e polo respaldo dun público que xa respondeu de maneira masiva ás súas últimas convocatorias.
Música que nace da morriña pola terra. Raíces celtas, frescura enerxía e paixón!