Prepárate para mergullarte nun universo musical único con “súbete ao EVA”, o novo álbum de Filloas.
Este novo traballo sorprende cunha explosión de hiperpop e ritmos electrónicos, acompañados de letras cheas de referencias a animes icónicos, videoxogos clásicos e modernos e aos memes máis virais de Internet.
Filloas leva xa uns meses adiantándonos o seu novo son, o cal chega ao seu cumio con “súbete ao EVA”, unha obra que captura o espírito dunha xeración conectada e creativa.
Xa fóra do meramente musical, este álbum crea unha experiencia inmersiva onde a personalidade de Filloas arrasa e envolve o público nun universo propio, a través de ilustracións, videoxogos ou IA.
Dende as rúas tinguidas de neón, ata os planetas máis inhóspitos, pasando pola inmensidade do negro espazo, Filloas consegue, grazas ao seu característico vestiario, o atrezzo que o acompaña nos directos e a dirección artística dos seus videoclips, que el mesmo idea, traer á realidade o seu imaxinario.
Comeza, logo, a conta atrás para poder escoitalo en todas as plataformas.
FILLOAS “súbete ao EVA” Mesturado por Luis Antelo, Estereoarte. Masterizado por Carlos Hernández. Ilustración de Uxía Nemiña.