Uxía Lambona e a Banda Molona están de volta con “EEEEIIIIII CARBALLEIRA!!!”, un disco para nos amosar ese mundo imaxinario no que viaxan, ese mundo cheo de tolemias, de viaxes, chimpos e soños, cargadiño de temas para cantar, bailar e alegrar os corazóns.
Uxía Lambona: “Nenas, nenos, nais, pais, avoas, avós, curmás, curmáns, tíos, tías, marcianos, ratos, ras, vacas, insectos voadores, astronautas, gaiteiras, pallasos, mecánicas…, xentes de aquí e de acolá, xentes do mundo!!!
Despois de dar voltas e reviravoltas a Galicia, norte, sur, este, oeste, de baixar, subir, brincar e rebrincar prazas, rúas, auditorios, teatros, e incluso concertos intercibernéticos… aquí seguimos batallando, rebentando coa nosa forma particular de ver o mundo, a música e a cultura.”