Lisdexia pendura o cartaz de “entradas esgotadas” para o seu concerto na sala Sónar de Santiago con máis dun mes de antelación. Co aforo completo, a banda muradá prepárase para ofrecer un directo intenso e sen concesións, no que ninguén quedará indiferente e no que a pista arderá a ritmo de “Esclavos do Baile” e algún que outro adianto do seu novo traballo.
Cun punk rock descarado e sen filtros, Lisdexia gaña terreo como unha das bandas máis auténticas da escena galega. Non veñen salvar o mundo, veñen facelo bailar.
Cun directo consolidado en multitude de salas e festivais por toda a comunidade, Lisdexia presenta agora o seu novo EP “Esclavos do baile”: seis himnos incendiarios que lanzan consignas que van dende a sátira lingüística ata a épica da resaca, sempre cunha conclusión clara: se queda vida, queda festa.
Un traballo sarcástico, emocionante e repleto de enerxía, que os destaca na escena actual.
Lisdexia tece un son propio, mesturando garage e punk con toques de música tradicional, pop e mesmo funk, dando forma a un estilo propio e enérxico pensado para prender as pistas.
O resto é silencio… ata que empece o baile.