Segundo adianto do próximo EP de Filloas, que verá a luz en maio de 2026.
“chat gpt” é un chute de hyperpop acelerado e bailable no que Filloas xunta forzas con Conan Kid, nunha colaboración internacional que conecta Galiza con Arxentina. Entre beats frenéticos e bo rollo, a letra agocha unha crítica escura aos ritmos impostos, que non deixan tempo ao artista nin para crear nin para ter sempre algo novo que contar.
Nun xiro cómico acaba resolvendo, con resignación e humor, que quizáis o máis doado sería compoñer cancións usando unha IA, abrazando a artificialidade e esquecendo quen es polo camiño. “Pregunteime que lugar ocupa aí un rapaz coma min, que lle dá moita importancia ás letras nas súas cancións e que só escribe sobre vivencias propias. Iso fai que, para escribir algo que me pareza digno de estar nunha canción, teña que darlle moitas voltas… porque gústame construír narrativas a lume lento.”
Con portada da ilustradora Uxía Nemiña, quen xa asina tamén a arte do primeiro adianto “google calendar”, “chat gpt” confirma unha vez máis a capacidade de Filloas para converter a súa propia vulnerabilidade nunha experiencia colectiva, convidando a saltar, cantar e pensar mentres bailas.
A canción funciona como un espello xeracional: baixo a súa capa de sintetizadores brillantes e ritmo desbocado, cuestiona a presión constante por producir, publicar e existir nun mundo que nunca desacelera.
Coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais.