Filloas trae ritmos novos á música en galego co remix dun dos seus hits en directo. “galicia (remix)” contén a retranca propia do artista, envolvida en sons electrónicos de primeiro nivel que nos lembran a intensidade e conexión co seu público.
Hyperpop repleto de ironía e sarcasmo, que nos avanza un son renovado para un dos artistas máis singulares da nova xeración de música galega.
Para celebrar o día de Galicia, Filloas volta coa mestura do seu xa emblemático “Galicia”, no que mistura trap, música tradicional e electrónica para poñer a bailar a todo o mundo este verán.
Neste tema, explora a visión da súa identidade galega, lonxe dos clichés imperantes na sua terra. Isto faise latente na portada do sinxelo, no que un heroico Filloas voa por diante da Catedral de Santiago de Compostela. Nesta remistura destaca a forza da parte EDM, confirmando como Filloas está a explorar a sonoridade do hyperpop para este album. Este tema reforzase cun videoclip novo que tamén “remistura” o videoclip orixinal, cunha edición sobresaturada de efectos e memes típicos galegos.
Como un mergullo nun día de calor, “verán” é un golpe de aire fresco en forma de electropop brillante e pegadizo.
A canción mergúllanos nas emocións intensas e fugaces dos amores estivais: eses que aparecen sen avisar, que se viven a toda velocidade e que ás veces se esfuman coa mesma rapidez coa que chegaron.
Con referencias que nos levan dende as viaxes improvisadas á praia ata a maxia das noites compostelás, “verán” conxuga melodías luminosas con unha produción vibrante que invita a bailar, sorrir e, sobre todo, sentir.
Filloas logra condensar nun tema toda a enerxía e a nostalxia desta estación, converténdoo nunha banda sonora perfecta para deixar que o tempo pase máis amodo e gozar cada instante.
Coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia das Industrias Culturais.