Eris Mackenzie estrea o primeiro single de adianto do seu segundo álbum de estudo. Un tema que fala claro: menos xuízo e máis liberdade. Unha canción para deixar de mirar cara fóra e comezar a facer o que un realmente quere, sen dar explicacións. A súa proposta móvese entre o íntimo e o disruptivo, na procura constante dun son propio, reforzando a súa particular conexión entre a música tradicional galega e a electrónica contemporánea.
“I-ANQUE” chega acompañado dun videoclip dirixido por Pablo Lourido, que recolle a estética íntima e persoal do artista. A peza audiovisual sitúanos nun ambiente escuro e abafante que, paradoxalmente, acaba converténdose nun espazo de liberación.
En palabras do propio produtor, “I-ANQUE” nace desa sensación de estar sempre baixo a mirada dos demáis. Fala da presión, do ruído externo e do fácil que resulta opinar sobre a vida allea. É unha canción para soltar todo iso e facer o que che saia, sen pedir permiso.”
Tras a publicación do LP “Meu Ceu: Cantigas industriais e brutalismo emocional” (2025), dos EPs “Meu Ceu” (2024) e “Laíño” (2026), ademáis de varios singles e versións publicados desde 2023, Eris Mackenzie ultima agora o lanzamento do seu segundo álbum de estudo. Eris Mackenzie é o alter ego de Carlos Eirís, produtor e compositor da Coruña que fusiona electrónica de vangarda con elementos da tradición musical galega, construíndo unha identidade sonora única e persoal.